O noso proxecto...
A finalidade principal do centro é proporcionar benestar ás familias que confían na experiencia e tradición do Xardín de Infancia Raiola.
Cabe destacar, entre outros, os seguintes obxectivos:
-
Facilitar a conciliación da vida laboral e familiar
-
Promover e fomentar o desenvolvemento integral dos/das nenos/as e a aprendizaxe das súas habilidades cognitivas e creativas.
-
Facilitar o desenvolvemento de valores individuais e sociais básicos (cooperación, solidariedade, igualdade, ...)
-
Respectar a singularidade e a diversidade de cada neno/a.
-
Posibilitar o coñecemento e a integración progresiva dos/as nenos/as na cultura e no medio da contorna.
-
Facilitar a adquisición progresiva de hábitos de orde, limpeza e conservación dos materiais, facendo un uso axeitado deles.
-
Potenciar a coeducación para eliminar as manifestación máis evidentes de sexismo.
En Raiola sabemos, e así o manifestamos, que o alumnado é o protagonista do noso día a día. Para acompañar o desenvolvemento san que todo neno necesita, poñemos especial atención en:
- Período de Vinculación: dende a institución sempre se valora o que é mellor dende o punto de vista da infancia. Entendemos que o neno/a nena, sobre todo no primeiro ciclo, ten como referencia á súa figura de apego principal e que para separarse dela necesita crear un vínculo coa profesional que o vai acompañar o tempo que estea en establecemento. A situación actual, (Covid-19), limitou moito o noso modo de operar neste proceso, que sabemos, moitas veces é difícil tanto para as familias como para o alumnado. De todos os xeitos, transitamos este tempo da maneira máis respectuosa posible, dentro do que as condicións actuais nos proporcionan.
- Respectar os ritmos de cada persoa: en coherencia cos valores de Raiola e entendendo que cada persoa posúe ritmos diferentes, respéctase o control de esfínteres xa que é un proceso de madurez muscular/ motriz, emocional e cerebral e por tanto non podemos unificar un só criterio para todo o alumnado. O sono, como é outro ritmo biolóxico que sabemos é diferente segundo a persoa, aquelas que o necesiten poden durmir sesta.
- Movemento: tendo en conta que é unha necesidade básica de todo infante, en Raiola ofrécese que poidan satisfacer esa necesidade tanto dentro como fóra de clase. Dispoñemos dun espazo natural amplo e diverso que permite que os nenos e nenas experimenten e manipulen materiais desestructurados, favorecendo a súa imaxinación e creatividade e por tanto a súa aprendizaxe.
- Aprendizaxe e xogo: adquisición de coñecementos a través de proxectos educativos transversais onde se abordan diferentes temáticas e conceptos. E a través do xogo: libre ou dirixido, exterior ou interior, cognitivos, psicomotores, afectivos, e sociais.
- Cultura: promóvese o interiorizar a cultura galega como un ben raíz da sociedade, abarcando calquera tipo de expresión (idioma, literatura, baile, gastronomía, festas tradicionais…)
- Vínculo das familias e o persoal de Raiola: a nosa escola valora moito o traballo conxunto entre docentes e familias. Sabemos que o noso traballo e o das familias é de maneira conxunta e por iso formamos unha gran comunidade.
- Actividades complementarias, (agora vai depender da situación Covid-19): pódense levar a cabo na escola (tamén por parte das familias), ou saídas ao longo do curso escolar ao teatro, contacontos, granxa-escola...